R xa pertence a Euskaltel

luns, 30 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que estaba previsto que puidera tardar uns días máis, dende o pasado venres o operador de cable R xa forma parte do grupo Euskaltel, de xeito que a compañía resultante consegue unha base de clientes maior (715.000) e destaca por ser líder nos territorios onde ten cobertura. Este cambio de escenario foi ben visto polos mercados, de xeito que nunha semana o grupo conseguiu unha revalorización bolsista do 14,92%.

Arturo Dopico xa non está á fronte de R, aínda que a compañía non anunciou aínda quen conformará o seu novo equipo directivo

Pero estas boas novas só parecen ser de índole económico, e mentres dende a compañía falan dunha nova etapa, resulta inevitable desconfiar da nova R, principalmente polo feito de que as declaracións feitas aos medios polo director xeral de Euskaltel o mes pasado resultaron ser pouco sólidas, xa que asegurábase que non había plans de realizar despedimentos en R nin de subir as tarifas, e xa se confirmou o abandono da compañía por parte de Arturo Dopico e doutros membros do equipo directivo (aínda que non se anunciou oficialmente), á vez que o vindeiro 20 de decembro se producirá unha suba na meirande parte de tarifas en 1 euro/mes e mañá mesmo entrarán en vigor novos combos que suporían unha suba de prezos de 3 euros/mes (estando acompañada tal suba de prezo cun incremento da velocidade de acceso á Rede).
Agardemos que non haxa moitos máis cambios nunha compañía que leva dende o ano 2000 ofrecendo os seus servizos aos galegos, dende Galicia e por galegos, e no que moitos depositaron a súa confianza pola súa proximidade e complicidade.

PUBLICIDADE