RØDE mestura captura de vídeo e audio nun único dispositivo

luns, 17 de abril do 2023 Marcus Fernández

O éxito das mesa de son de RØDE orientadas a creadores de podcasts levou ao fabricante a presentar o Streamer X, un produto revolucionario que combina unha interface de audio profesional e unha tarxeta de captura de vídeo nunha consola compacta e fácil de usar.
Conta con entradas de audio XLR con calidade de estudio, entradas de liña e tomas para auriculares cun preamplificador Revolution de baixo ruído e alta ganancia; e un potente procesador de audio APHEX que ofrece unha calidade de son inmaculada.
No apartado do vídeo conta con entrada en saída HDMI capaz de sacar vídeo até a 4K a 60 imaxes por segundo ou QuadHD a 120 imaxes por segundo, que pode converter nun stream de vídeo de até 4K a 30 imaxes por segundo ou QuadHD a 60 imaxes por segundo, polo que resulta unha solución bastante atinada para a transmisión de videoxogos, de podcasts con vídeo ou incluso de presentacións de empresa.
Dúas conexións USB-C permiten a conexión con até 2 ordenadores, e tamén conta con 4 botóns de grande tamaño personalizables que poden disparar sons ou efectos de voz, así como outras accións. Tamén é totalmente compatible coas solucións de software RØDE, incluíndo UNIFY, RØDE Central e RØDE Connect.
O Streamer X representa un novo xeito de transmitir en directo con audio e vídeo de calidade a través un único dispositivo que chegará ao mercado en poucas semanas e do que aínda non se adiantou o prezo.

PUBLICIDADE