Radar COVID non funciona en móbiles recentes de Huawei

mércores, 12 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Pese a que Huawei adaptou o seu software para o rastrexo de contactos, é preciso que as distintas aplicacións o teñan en conta, algo que na práctica non está a acontecer

Dende primeiros de mes está dispoñible para a súa descarga a aplicación Radar COVID, que facilita o rastrexo de contactos valéndose do Bluetooth do noso smartphone, pero esta aplicación está sustentada nunha solución desenvolvida conxuntamente por Apple e Google, o que ten unha consecuencia directa: é incompatible cos móbiles de Huawei lanzados tras o bloqueo dos EE.UU. á compañía chinesa.
Dende Huawei non quixeron quedar descolgados desta iniciativa para frear o espallamento da COVID-19 e contribuír ao traballo dos rastrexadores humanos, polo que na súa alternativa aos servizos de Google incorporaron unha API para facilitar o rastrexo de contactos que sería interoperable coa de Google e Apple, pero que na práctica non está a ter ningunha utilidade xa que precisa que cada unha das aplicacións de rastrexo introduzan expresamente a compatibilidade coa tecnoloxía de Huawei, para o que tamén teñen que asinar acordos coa compañía chinesa (algo que en EE.UU. sería ilegal).
Deste xeito parece difícil que os usuarios de móbiles como o Huawei Mate 30, o P40 ou da familia Honor 30 poidan gozar de aplicacións como Radar COVID (e as súas equivalentes noutros países), o que é unha consecuencia negativa máis do abusivo bloqueo do Goberno dos EE.UU. a Huawei.

PUBLICIDADE