Rayman 3 HD destaca nos Xogos con Gold de outubro

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Microsoft deu a coñecer a relación de videoxogos que recibirán os subscritores Gold no mes de outubro, con títulos de moito máis peso en Xbox 360 que en Xbox One, pero todos xogables en Xbox One, polo que non serán poucos os que agradezan o descubrimento destes títulos.
O 1 de outubro chegará aos usuarios de Xbox One Gone Home: Console Edition, un videoxogo de exploración independente que nos introduce na pel dun personaxe que tras pasar un ano no estranxeiro regresa ao fogar e non atopa a ninguén na casa, tendo que desvelar o misterio mentres explora toda a vivenda.
A partires do 16 de outubro o xogo dispoñible será The Turing Test, un xogo de quebracabezas en primeira persoa que explora fenómenos de consciencia e desafía a intuición humana, situando ao protagonista no papel de Ava Turing, unha enxeñeira da axencia espacial internacional (ISA) e avanza a través dunha historia de introspección e moralidade mentres descobre os misterios de Europa, a lúa de Xúpiter.
Pero o bo chegan para Xbox 360, comezando o 1 de outubro con Rayman 3 HD, unha versión remasterizada do clásico Rayman 3 Hoodlum’s Havoc, xogo no que viviremos unha aventura fantástica e divertida con Rayma e Globox. E a partires do 16 de outubro o xogo de Xbox 360 dispoñible será Medal of Honor: Airborne, que sitúanos na Segunda Guerra Mundial, comezando saltando dun C-47, tendo que elixir o punto de aterraxe para conseguir unha vantaxe estratéxica para logo explorar o contorno en terra, buscando posicións tácticas que faciliten a derrota do inimigo. Esta proposta fai que cada partida sexa distinta.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de outubro

PUBLICIDADE