Rayman Adventures chega de balde ás tendas de aplicacións móbiles

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Dende o seu reboot os xogos de Rayman están a causar furor en consolas de videoxogos e dispositivos móbiles polos seus orixinais, coidados e divertidos deseños e pola súa acción frenética, e agora temos finalmente o terceiro xogo móbil desta saga, Rayman Adventures, que destaca fronte a Rayman Jungle Run e Rayman Fiesta Run por ser o primeiro en optar pola fórmula do free-to-play.
Dende hoxe podemos descargar de balde Rayman Adventures para iOS e para Android, o que nos permite embarcarnos nunha aventura asombrosa a través de mundos de lenda coa misión de rescatar aos Incrediballs. Teremos así unha combinación de acción e exploración, xa que debemos buscar e coleccionar todos os Incrediballs para levalos de volta a casa. Tamén podemos desatar o poder dos Incrediballs para conquistar aventuras épicas, podemos coidalos e incluso facer medrar a árbore máis grande do mundo (elemento competitivo do xogo).
Aínda que o xogo é de balde, no mesmo pódense mercar obxectos con cartos reais, que é o modelo de negocio elixido por este excelente xogo de Ubisoft que comprobará se esta fórmula é máis rendible que a venda tradicional de xogos descargables.

Tráiler de lanzamento de Rayman Adventures

PUBLICIDADE