Realme sobe ao carro das tabletas con Android

luns, 15 de novembro do 2021 Marcus Fernández

As tabletas con Android parecen querer vivir un rexurdir da man dos fabricantes chineses, e tras chegar ao mercado a Xiaomi Pad 5, temos agora a Realme Pad, cunha pantalla de 10,4 polgadas e un deseño con só 6,9 milímetros de grosor, que sae hoxe mesmo á venda ás 23:00 horas a un prezo promocional de 199 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno (cando o seu prezo ordinario será de 259 euros).
Esta interesante tableta funciona cun procesador MediaTek Helio G80; está equipado con 4 altofalantes Dolby Atmos (de xeito que gozamos de son estereofónico sen importar como suxeitemos a tableta); a súa batería de 7.100 mAh con carga rápida de 18 watts promete unha autonomía de até 12 horas seguidas de reprodución de vídeo; as súas cámaras frontal e traseira son de 8 Mpíxeles (contando a frontal cun grande angular que recolle un campo de visión de 105 graos); incorpora 2 micrófonos para conseguir captar a voz con claridade e poder eliminar automaticamente o ruído de fondo; e para os que non teñan dabondo coa súa capacidade de almacenamento, pode ampliarse con tarxetas de até 1 TB.
Dende Realme tamén destacan que conta con modo escuro e modo de lectura, que permite empregar varias aplicacións a pantalla partida, que conta con modo multiusuario para que poida compartirse por varios membros da familia e que integra directamente Google Kids, para que os cativos poidan gozar de contidos adaptados á súa idade e os proxenitores poidan establecerlles límites.

PUBLICIDADE