Realme anuncia novos auriculares sen fíos

martes, 17 de decembro do 2019 Marcus Fernández

A marca chinesa Realme continúa a avanzar con forza, e tras lanzar unha serie de smartphones con grandes prestacións e prezos moi reducidos, atrévese cos accesorios de moda: os auriculares sen fíos con estoxo de carga. Os realme Buds Air sairán á venda na India a semana que vén a un prezo de 3.999 rupias (50,50 euros) converténdose nunha grande alternativa para os AirPods de Apple.
Os realme Buds Air non só teñen un deseño moi semellante aos auriculares de Apple, senón que tamén integran a tecnoloxía Google Fast Pair, ou sexa, que conéctanse de xeito automático ao noso smartphone con só abrir o seu estoxo. Tamén detectan se os levamos postos (ou sexa, que pausan a reprodución se os quitamos e retómana se os volvemos pór), o seu estoxo inclúe carga sen fíos (ou USB-C), teñen cancelación de ruído (ENC) para chamadas e, como grande atractivo estaría o seu chip R1, que promete unha latencia moi reducida a través de Bluetooth 5.0, de xeito que incluso serían aptos para xogar no móbil.
Os auriculares contrólanse mediante toques: un dobre toque responde unha chamada ou pausa/reproduce a música, un toque triplo salta de canción, unha pulsación prolongada nun lado invoca ao asistente de voz ou cancela unha chamada e unha pulsación prolongada en ambos auriculares activa/desactiva o modo de funcionamento para xogos.
A súa autonomía é dunhas 3 horas, aínda que co seu estoxo de carga permite até 17 horas de uso en total. Estará dispoñible en cor branca, negra e amarela.
Un produto realmente interesante, que probablemente chegue ao mercado español no mes de xaneiro, xa que o fabricante non só vende aquí os auriculares realme Buds Wireless, senón que durante o Nadal tamén está a ofertalos a prezo reducido coa compra de certos móbiles.

PUBLICIDADE