Realme atrévese cos móbiles para gamers

mércores, 31 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Mantendo os seus prezos axustados, o fabricante chinés Realme atrévese cos móbiles para gamers e presenta o Realme GT Neo, dispositivo que venderase inicialmente por 1.799 iuans (233 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, por 1.999 iuans (259 euros) con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e por 2.399 iuans (311 euros) con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, prezos cos que dificilmente terá competencia, aínda que é unha incógnita se estes terminais chegarán ao mercado global.
O Realme GT Neo é un móbil de grande potencia, que en vez de apostar por un procesador de Qualcomm opta polo Dimensity 1200 de MediaTek, que ten un rendemento impresionante e tamén permite que falemos dun móbil con conectividade 5G, Wi-Fi 6 e Bluetooth 5.1. Ao bo rendemento tamén contribúe que o almacenamento interno empregue tecnoloxía UFS 3.1.
A pantalla do Realme GT Neo é Super AMOLED, ten 6,43 polgadas e o seu refresco de 120 Hz resulta ideal para xogar. Tamén conta con altofalantes estéreo, lector de impresións dixitais integrado en pantalla, cámara traseira tripla cun sensor de 64 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles e unha batería de 4.500 mAh con carga rápida de 50 watts, así como un conector para auriculares, elemento moi apreciado polos amantes dos videoxogos, que buscan poder gozar do son sen os retardos propio do Bluetooth.
Un móbil moi completo, cun deseño agresivo, que pode trunfar grazas á súa boa relación entre prestacións e prezo.

PUBLICIDADE