Realme estrea televisores na India

luns, 25 de maio do 2020 Marcus Fernández

Seguindo os pasos de fabricantes como Xiaomi, Realme lanzouse ao mercado dos televisores, cun par de modelos de 32 e 43 polgadas a un prezo de 12.999 e 21.999 rupias (157 e 266 euros), engadindo máis competencia a un segmento de produtos de electrónica de consumo que no noso territorio está dominado polos fabricantes surcoreanos.
Os novos Realme Smart TV son televisores LED cun marco de só 8,7 milímetros, con altofalantes de 24 watts e un potente procesador de catro núcleos, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento que permítenlles correr Android TV sen problema, para poder acceder a numerosos contidos multimedia e tirar proveito do Asistente de Google e de funcionalidades de Chromecast (para, entre outras cousas, ver na pantalla contidos seleccionados dende o móbil). O seu sinxelo mando a distancia inclúe atallos para Netflix, YouTube, Amazon Prime Video e o Asistente de Google, deixando clara a vocación polos contidos en liña destes televisores que poden conectarse á Rede por Wi-Fi ou por Ethernet, e que tamén conta con Bluetooth 5.0, un par de portos USB e 3 entradas HDMI.
Ao estarmos ante televisores moi económicos non é de sorprender que o modelo de 32 polgadas teña unha resolución de 1.366 x 768 píxeles, mentres que o modelo de 43 polgadas xa sería Full HD. Temos así uns produtos que non buscan competir directamente cos grandes fabricantes, senón apostar por unha gama de entrada na que marcas pouco coñecidas teñen aínda marxe para seguir no mercado.

JPEG - 104.5 KB
Os televisores de Realme chegan en tamaños de pantalla de 32 e 43 polgadas

PUBLICIDADE