Realme presenta novos móbiles cun bo deseño e cámara de 108 Mpíxeles

venres, 9 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Realme prepara o lanzamento global dos seus novos Realme 10 Pro e Realme 10 Pro+, smartphones que chegan agora ao mercado da India e que destacan polas súas completas prestacións a un prezo asumible.
O Realme 10 Pro 5G é un smartphone especialmente interesante, ao estar equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 695 5G, unha pantalla Full HD+ de 6,72 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, unha impresionante cámara principal de 108 Mpíxeles, almacenamento ampliable mediante tarxetas de memoria de até 1 TB e unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts (capaz de cargar a metade da batería en 29 minutos). Este teléfono tamén conta con potentes altofalantes estéreo, lector de impresións dixitais lateral, espazo para dúas tarxetas nano SIM, toma para auriculares e incluso resistencia á auga. Sae á venda o vindeiro día 16 a un prezo de 17.999 rupias (207 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, podendo adquirirse tamén por 19.999 rupias (230 euros) a súa versión con 8 GB de RAM.
O Realme 10 Pro+ 5G pode sorprender polo feito de que incrementa a súa potencia apostando por un procesador MediaTek Dimensity 1080 5G, mudando tamén a carga rápida da súa batería de 5.000 mAh a 67 watts (a metade da batería pode cargarse en só 17 minutos). A súa pantalla de 6,7 polgadas conta desta volta con tecnoloxía AMOLED, presumindo duns marcos extraordinariamente reducidos (2,33 milímetros na parte inferior da pantalla). O lector de impresións dixitais pasa a integrarse baixo a pantalla e di adeus ao conector para auriculares e ao lector de tarxetas de memoria. Sae á venda o día 14 a 23.999 rupias (276 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, aínda que tamén haberá versións con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a 25.999 rupias (299 euros) e con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 27.999 rupias (322 euros).
Espérase que estes móbiles cheguen pronto ao mercado español, converténdose en produtos moi atractivos para quen busque móbiles cun deseño elegante, bo rendemento, boa autonomía e incluso unha cámara bastante coidada que tanto serve para disparar fotografías detalladas de 108 Mpíxeles como aproveita a interpretación de bloques de 9 píxeles para conseguir instantáneas de 12 Mpíxeles moi luminosas.

PUBLICIDADE