Red Dead Redemption II chega a Xbox One e PS4

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi agardado por moitos afeccionados aos videoxogos de todo o mundo, xa que saíu á venda o xogo Red Dead Redemption II, o último título de Rockstar Games, do que prevese un impacto tan grande que a meirande parte do resto de lanzamentos do outono adaptaron a súa data de lanzamento para afastarse o máximo posible deste supervendas que promete manter posicións moi fortes nas listaxes de vendas durante moitos meses, ou incluso anos, se temos como referencia o éxito conseguido con Grand Theft Auto V.
Red Dead Redemption II está por fin dispoñible para Xbox One e PlayStation 4, aínda que algúns usuarios que o adquiriron aínda non puideron gozar del dado o seu elevado tamaño de descarga (preto de 90 GB) e incluso tempo de instalación e, de feito, Rockstar permitiu que os usuarios que mercasen o xogo anticipadamente puidesen iniciar a descarga hai bastante días para garantir que puidesen xogar dende o minuto 1.
O xogo sitúanos no Salvaxe Oeste Americano, no ano 1899, ou sexa, en pleno ocaso dos tempos dos foraxidos que protagonizaron tantos westerns. Coñeceremos a Arthur Morgan e á banda de Van der Linde, que foxen dos federais e dos mellores cazarrecompensas tras un atraco frustrado, no que converterase en toda unha loita pola supervivencia.
Aparte da campaña para un xogador, espérase que no mes de novembro bote a andar en probas o modo multixogador de Red Dead Redemption 2, que de seguir a liña de GTA Online podería ser o elemento que ampliase a experiencia de xogo a moi longo prazo.

PUBLICIDADE