Red.es lanza o Bono de Conectividade con 48 millóns de euros para pemes e autónomos

mércores, 11 de setembro do 2024 S. P.

A entidade pública estatal Red.es executa a iniciativa Bono de Conectividade, que inclúe 48 millóns de financiamento e que desde este martes 10 de setembro pode solicitarse a través da sede electrónica de Red.es. As subvencións concederanse a través dun proceso non competitivo, por orde de chegada.
Esta iniciativa, tamén coñecida como Programa Único Demanda Bono Peme, está destinada a mellorar a conectividade dixital de empresas de entre 0 e menos de 50 traballadores (pemes, microempresas e autónomos) e espera conceder 11.000 bonos para impulsar a dixitalización das pemes.
Trátase dun programa que vén reforzar o apoio á dixitalización das pemes e que se suma a outras iniciativas xestionadas por Red.es como Kit Dixital, que subvenciona solucións dixitais para mellorar o nivel de madurez dixital ou Kit Consulting, que ofrece bonos para contratar servizos de asesoramento. O Bono de Conectividade é compatible con ambas as iniciativas e poderá solicitarse desde hoxe e ata o próximo 30 de decembro.
O programa ofrece unha subvención de ata 3.000 euros, estruturada en dous elementos: unha solución de acceso a Internet mediante rede de banda larga e unha axuda para servizos de conectividade asociados. Se a empresa cumpre coas condicións establecidas nas bases (e que poden consultarse na web de Acelerapeme poderá elixir os servizos ou solucións que máis se adapten ás súas necesidades dentro do catálogo da iniciativa, que inclúe: acceso a Internet de banda larga, IP fixa, Wi-Fi profesional, telefonía móbil corporativa, almacenamento e backup na nube (básico e avanzado) e central virtual.
Algunhas categorías teñen requisitos especiais. Por exemplo, para acceder a Internet de banda larga, precísase non dispoñer no momento de solicitude dun acceso a internet de 100 Mbps en sentido descendente nin dispoñelo nos 3 meses anteriores.
Con respecto a telefonía móbil corporativa, a axuda abonarase exclusivamente para liñas de nova numeración. Ademais, tanto nesta categoría como na de central virtual, comprobarase o número de usuarios solicitados con respecto ao persoal medio da empresa.
A través dunha solicitude única na plataforma, a empresa poderá elixir a categoría de acceso a Internet de banda larga e complementala con outra ou outras do catálogo segundo as súas necesidades.