Rede Aberta dotará de Internet de alta velocidade a 36.556 fogares e empresas da Coruña

luns, 17 de outubro do 2022 S. P.

A operadora neutra galega Rede Aberta anunciou este luns 17 de outubro un importante despregue de fibra óptica até o fogar (tecnoloxía FTTH) na provincia da Coruña, que terá un relevante impacto nunha chea de concellos do rural, que contarán con máis e mellores oportunidades para dixitalizárense, coller impulso económico e produtivo e fixar poboación. Segundo fixo saber a empresa, esta levará a dita tecnoloxía a 36.556 fogares da Coruña, tras a adxudicación do programa Único Banda Larga 2022 do Goberno central (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital).
A medio prazo, a previsión é que ao final de 2024 a cobertura chegue a máis de 155.000 fogares da provincia con conexión de Internet de alta capacidade. “A resolución do Ministerio”, sinalaron fontes da operadora, “suporá un importante pulo para a nosa estratexia de conectar as zonas rurais con infraestruturas dixitais de moi alta capacidade, con velocidades superiores aos 100 Mbps”.
A día de hoxe, a firma ten en marcha un plan de despregadura para chegar a 192.000 fogares en toda Galicia no bienio 2023-2024.
A adxudicación do Plan Único na Coruña suporá un investimento de 26,6 millóns de euros, dos que 13,3 están financiados polo Ministerio de Asuntos Económicos con fondos do Plan de Recuperación para lograr o obxectivo da Axenda Dixital 2026: que o 100% da poboación teña acceso a conexións dixitais superiores aos 100 Mbps.
As actuacións de Rede Aberta despregaranse en “zonas brancas” da provincia coruñesa, ou sexa, as que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos.
Presente en medio de cento de municipios rurais
Rede Aberta, que acaba de cumprir os dous anos de actividade no mercado, está xa presente en 49 municipios rurais de Galicia, poñendo en xogo unha infraestrutura de máis de 1.300 quilómetros de cable tendido para dar servizo de fibra óptica neutra e chegando a máis de 100.000 fogares.
Na provincia da Coruña, Rede Aberta iniciou a actividade en 26 municipios, nos que ten previsto ofrecer a conexión a 77.435 fogares. Na actualidade, xa alcanzou o 79% dos obxectivos, con 61.360 fogares con conexión de fibra de moi alta capacidade.
Nalgunhas comarcas, como é o caso de Costa da Morte, concentrou os seus esforzos en municipios como Cabana de Bergantiños, Cee, Corcubión, Laxe, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Vimianzo, onde xa foi quen de superar os 18.500 fogares conectados, que representan o 53,7% dos 34.422 previstos en toda a comarca. Nalgúns deles, debido á demanda, superáronse as previsións iniciais, como é o caso de Corcubión, onde se duplicou a cifra de fogares conectados. Rede Aberta explicou que nestes municipios a cobertura de banda larga de moi alta capacidade “non chegaba ao 50% da poboación, o que viña supoñendo unha diminución nos seus dereitos dixitais e nas súas posibilidades de desenvolvemento económico e vital”.
Apoio importante
A adxudicación da despregadura de Único na Coruña supón un “apoio importante aos plans da compañía”, segundo explicou Pere Antentas, director executivo (CEO) de Rede Aberta. Así, apuntou que ten previsto investir 121 millóns ata 2025 para chegar a 400.000 fogares e incrementar os servizos de fibra escura, housing e ethernet VPN para as empresas, sobre todo, aquelas que desenvolven a súa actividade no ámbito rural. Ademais, lembrou que Rede Aberta puxo en marcha o pasado 9 de setembro a tecnoloxía XGS-PON en Chantada (Lugo), que permite a conexión a 10 Gbps, e que se estenderá a outras comarcas nas que desenvolve a súa actividade. “O compromiso de Rede Aberta é erradicar a fenda dixital con fibra de alta capacidade para que todos os cidadáns e empresas de Galicia teñan as mesmas oportunidades e dereitos sen importar o lugar de residencia”.

PUBLICIDADE