Reino Unido facilita os pagamentos contactless ante o COVID-19

martes, 24 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos días son moitos os establecementos comerciais que para reducir as posibilidade de transmisión do COVID-19 están a instar aos seus clientes a realizar pagamentos con tarxeta bancaria, fuxindo do uso de efectivo e incluso instando a aproveitar as posibilidades de pagamento sen contacto da meirande parte das tarxetas actuais (e tamén dos sistemas de pagamento a través do móbil), pero estes sistemas non sempre son os máis acaídos, xa que normalmente para os pagamentos de máis de 20 euros é preciso introducir un PIN, de xeito que o cliente ten que tocar un dispositivo polo que pasaron moitas outras mans. Para mitigar este problema no Reino Unido veñen de anunciar que a partir do 1 de abril elevarán o máximo de compra contactless sen PIN a 45 libras esterlinas (49 euros) de xeito que boa parte das compras diarias gozarían dunha maior seguridade, ao realizarse o pagamento sen contacto físico.
Cómpre advertir de que en Reino Unido xa subiron hai un lustro de 20 a 30 libras esterlinas o límite dos pagamentos sen PIN, e aínda que a práctica de situar moi elevadas as barreiras de pagamentos sen verificación poida incrementar o risco de fraude, estamos nunha situación na que pode xustificarse ben.
Este cambio de política podería chegar a outros países europeos nas vindeiras semanas, xa que pode considerarse convinte o impulso dos pagamentos mediante a tecnoloxía NFC, aínda que tamén é interesante salientar que cando realizamos este tipo de pagos con móbiles que empregan tecnoloxías de identificación biométrica tampouco é preciso introducir o PIN nos terminais de punto de venda (TPV) para calquera importe, polo que o COVID-19 podería converterse nun grande impulsor dunha fórmula de pagamentos que cada vez goza de mellor aceptación.

PUBLICIDADE