Reprodutor Sansa SlotMusic para promover o uso de tarxetas microSD coma soporte musical

mércores, 15 de outubro do 2008 Marcus Fernández

SanDisk non se conforma con propor o uso de tarxetas de memoria microSD coma soporte de comercialización de álbums musicais baixo a marca SlotMusic pensando no seu uso dende teléfonos móbiles, senón que tamén vai comercializar un reprodutor multimedia pensando nestas tarxetas que se venderá nos EE.UU. por só 19,99 dólares (ou 34,99 euros incluíndo un álbum en formato SlotMusic).
O Sansa SlotMusic Player é un sinxelo reprodutor de MP3 que funciona con tarxetas microSDHC (cunha capacidade de ata 16 Gb), opera cunha pila AAA que lle subministra unha autonomía de ata 15 horas e é capaz de reproducir ficheiros MP3, OGG, FLAC e WMA (sen DRM). Mide 7,2 x 3,7 x 1,5 cm e pesa 48 gramos.
Polo momento estes reprodutores só se venderán nos EE.UU. (onde se distribuirá incluso a grandes superficies) e se agarda a súa chegada a Europa durante 2009.

PUBLICIDADE