Reprodutor multimedia con TDT, Wi-Fi e vídeo en alta definición

xoves, 11 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Conceptronic comezará a comercializar a finais de mes en España, Alemaña, Francia e Portugal o seu novo reprodutor multimedia Grab’n’GO Media Titan, que podería ser un dos equipos máis completos que se viron ata o momento, pois conta con conectividade Ethernet e Wi-Fi (de ata 300 Mbps grazas ao estándar IEEE 802.11n), dobre sintonizador de TDT (con opción de gravación e time shifting) e reprodución multimedia soportando incluso os últimos formatos de alta definición.
Para o uso televiso o dispositivo pode acceder á guía electrónica da programación (EPG) para programar as gravacións (facilitando moito as mesmas), e tamén permite ver unha canle mentres gravamos outra, pero a reprodución multimedia é o que destaca neste trebello, que pode achegar contidos a través da rede ou por calquera dos seus 3 portos USB. Soporta formatos coma Xvid, WMV0, MPEG 1/2/4, AVI, ISO, VOB e incluso películas en alta definición en 1.080 liñas en progresivo comprimidas en H.264 dentro do contedor Matroshka (.MKV) de xeito que é compatible con moitos contidos de alta definición que se poden atopar na Internet (dende trailers ata películas completas extraídas de discos Blu-ray). Tamén le ficheiros BMP, GIF, JPEG, PNG, MP3, OGG, WAV e WMA e é capaz de acceder a ficheiros servidos a través de UPnP AV.
Para tirar proveito da calidade dos vídeo en alta definición o reprodutor conta con saída HDMI, aínda que tampouco esquece conexións de vídeo composto e saídas de audio analóxica e dixital.

PUBLICIDADE