Resident Evil 2 inspira un teclado Bluetooth con forma de máquina de escribir

venres, 10 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Na pasada edición da feira E3 de Los Angeles Capcom anunciou que o vindeiro 25 de xaneiro poría á venda o seu remake do clásico Resident Evil 2, de xeito que teremos de volta o xogo de 1998 co motor gráfico de Resident Evil 7, pero mantendo a vista en terceira persoa e a meirande parte dos elementos do título orixinal, actualizando principalmente a súa aparencia e xogabilidade sen traizoar o espírito de survival horror.
O xogo está captar moita atención, xa que son moitos os seareiros da saga que teñen un bo recordo das primeiras entregas e queren volver vivir unha experiencia semellante, de aí que a Capcom non lle trema o pulso á hora de coidar este lanzamento con edicións do máis tolo, e ao igual que estará dispoñible unha edición para coleccionistas que inclúe distintos obxectos dos que o máis destacable sería unha figura de Leon S. Kennedy, agora sorprenden un produto que poderá mercarse por separado ou coas distintas edicións do xogo, que vén a ser unha réplica da máquina de escribir que sae no xogo, e que funcionaría como teclado Bluetooth e USB.
Este curioso teclado mecánico sen fíos podería cun ordenador (con Windows ou macOS) ou incluso cunha tableta (con Android ou iOS), aínda que o seu principal obxectivo é decorativo, e non semella que vaia estar ao alcance de moitos seareiros da franquía de Capcom, xa que o seu prezo de venda no Xapón é de 81.000 iens (637 euros).
Este produto semella estar moi coidado, de xeito que a panca de retorno de carro pode empregarse a xeito de tecla de Enter, e incluso a rosca lateral da platina pode empregarse como desprazamento en vertical, conseguindo así replicar o funcionamento dunha máquina de escribir no noso procesador de textos favorito.

O teclado pode empregarse con ordenadores persoais e tabletas

PUBLICIDADE