Resident Evil 2 terá xogo de mesa

martes, 26 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Parece que os videoxogos e os xogos de mesa están menos rifados do que podemos pensar, e a chegada a Kickstarter dunha campaña de Steamforged Games para facer realidade un xogo de estratexia de taboleiro do Resident Evil 2 de Capcom conseguiu superar as 150.000 libras esterlinas da súa meta en cousa dunha hora, de xeito que os milleiros de mecenas que apoian esta iniciativa teñen case garantido que recibirán o produto final a partires de setembro de 2018. En contraste con outros proxectos semellantes, desta volta Steamforged conta con licenza de Capcom, de xeito que non debería haber problemas para o seu éxito, e como moito podería padecer adiamentos polos controis de calidade propios dos procesos de fabricación en cadea.
O xogo colle numerosos elementos da franquía de Resident Evil para construír unha aventura cooperativa de supervivencia para até 4 xogadores, no que poderemos encarnar a varios personaxes coñecidos que procuran sobrevivir na infestada Raccoon City. O xogo incluirá coidadas miniaturas dos protagonistas e numerosos monstros, incluirá unha expansión e permitirá que incluso os mecenas poidan facerse cunha edición especial facendo achegas superiores ao seu prezo ordinario, que é de 70 libras esterlinas (79,86 euros) ás que habería que engadir os gastos de envío (que poderían superar os 20 euros, xa que estamos ante un produto de certo volume e peso).

Tráiler da campaña de micromecenado do xogo de mesa

PUBLICIDADE