Resident Evil 4 terá versión en realidade virtual

luns, 27 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Unha das entregas mellor lembradas da saga de xogos de Shinji Mikami, Resident Evil 4, ambientada nun país europeo eminentemente rural cuxa moeda é a peseta, non se conformou con chegar a dispositivos móbiles e volver a ordenadores persoais nunha remasterización en alta definición, senón que tamén vai renacer en realidade virtual o vindeiro 21 de outubro, cando chegará en primicia para Oculus Quest 2.
Este clásico chega remasterizado e mudando o punto de vista, pasando da terceira persoa a unha arrepiante primeira persoa, de xeito que podemos meternos directamente no pelexo de Leon S. Kennedy, para estremecernos cos moitos perigos que terá que superar e interactuando dun xeito moito máis natural co xogo, xa que as armas e os obxectos non se collerán dun inventario abstracto, senón que haberá que agarrar virtualmente os elementos que levaremos enriba.

Tráiler da versión para Oculus Quest 2 de Resident Evil 4

PUBLICIDADE