Resident Evil 7 tirará proveito da nube para chegar a Nintendo Switch

luns, 21 de maio do 2018 Marcus Fernández

O último anuncio de Capcom está a ser unha grande sorpresa, xa que a compañía confirmou que estaba a preparar unha versión do seu grande éxito Resident Evil 7 para Nintendo Switch, que polo momento só está confirmado o seu lanzamento no Xapón dun xeito moi especial, xa que o título non correrá directamente na consola, senón que o xogo funcionará na nube, de xeito que a Switch faría de pantalla e mando, de xeito que teriamos algo semellante ao xogo remoto que ofrecen consolas e plataformas como Steam.
Este novo Biohazard 7 Resident Evil Cloud Version non sería un xogo que poderiamos comprar, senón que tería un prezo de 2.000 iens (15,27 euros) para poder empregalo durante 180 días, incluíndo todos os contidos que foron saíndo para o xogo dende o seu lanzamento en consolas.
Para poder gozar de xeito solvente do xogo na nube precisariamos dunha conexión á Rede estable e de baixa latencia, recomendándose empregar Wi-Fi na banda dos 5 GHz ou conexións con cable (mediante un adaptador) e só ocuparía 45 MB na consola, xa que o xogo en si mesmo correría en servidores en liña.
Haberá que ver como funciona o que semella un experimento para comprobar se os usuarios de Nintendo Switch están dispostos a alugar videoxogos e executalos na nube, o que podería ser tamén un xeito de gozar de títulos que precisarían dunha potencia que a Switch non pode subministrar. Pero o que está claro é que non estamos ante un escenario no que os lanzamentos puidesen realizarse de xeito global, xa que para ofrecer xogos en streaming é preciso que os servidores dos xogos estean próximos aos usuarios, como acontece con servizos como PlayStation Now, dispoñible dende hai anos, pero que non pode contratarse dende España.

Vídeo promocional da versión na nube de Resident Evil 7

PUBLICIDADE