Resident Evil: Revelations introducirá o segundo mando analóxico na Nintendo 3DS

mércores, 30 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O botón deslizante Pro engade un stick analóxico adicional á Nintendo 3DS

No Xapón o xogo Monster Hunter Tri G achegaba unha sorpresa para a Nintendo 3DS (a posibilidade de adquirilo cun accesorio que engadía un segundo stick analóxico) e agora confírmase que en Europa a introdución do Botón Deslizante Pro (Circle Pad Pro) recaerá en Resident Evil: Revelations, xogo de Capcom que poderá adquirirse solto ou co polémico engadido para a 3DS que soluciona unha importante eiva da consola portátil de Nintendo a costa da súa estética.
O novo xogo de Resident Evil chegará ás tendas o 27 de xaneiro, e segundo o produtor do título, Tsukasa Takenaka, conta co “mellor guión da súa historia”, que devolverá ao xogador ás raizames do survival horror que caracterizaba aos primeiros títulos da franquía de zombis de maior calado no mundo dos videoxogos.

Caixa europea do xogo

A historia de Resident Evil: Revelations sitúase entre Resident Evil 4 e Resident Evil 5, entrelazando aos coñecidos Jill Valentine e Chris Redfield cun par de novos compañeiros: Parker Luciani e Jessica Sherawat. Ante a desaparición de Chris, Jill e Parker acudirán á súa última posición coñecida, un barco de cruceiros abandonado, o que será o comezo dunha serie de escenarios claustrofóbicos que pretenden recuperar a tensión a esta saga, especialmente porque volveremos a contar con moi pouco munición para rematar cos inimigos que saen ao noso paso, de xeito que non estaremos ante un simple shooter.
O xogo Resident Evil: Revelations só poderá mercarse co botón deslizante Pro ata fin de existencias (entendemos que despois haberá que adquirir o accesorio por separado).

Resident Evil: Revelations promete recuperar o espírito de survival horror da saga

PUBLICIDADE