Resident Evil: Revelations sairá á venda o 27 de xaneiro

mércores, 5 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A Nintendo 3DS conta xa cun título da saga Resident Evil á venda, pero non deixa de ser un aperitivo para o Resident Evil: Revelations, xogo de Capcom que finalmente distribuirá Nintendo en España, confirmando a súa chegada ás tendas o vindeiro 27 de xaneiro. Esta nova entrega está situada cronoloxicamente entre Resident Evil 4 e Resident Evil 5, e será unha aventura completa (e non un simple modo de xogo como o Mercenaries 3D) que contará con caras coñecidas como Jill Valentine e Chris Redfield, que contarán con novos compañéiros (Parker Luciani e Jessica Sherawat) na investigación dunha ameaza bioterrorista en Europa.
Resident Evil: Revelations repartirá a súa historia entre distintas localizacións de costa e montaña, e incluso un escuro trasatlántico abandonado, que porá a proba os nosos nervios ao converterse nun escenario claustrofóbico e tan terrorífico como promete ser este título ao que non lle faltará a acción e o aproveitamento tanto da pantalla 3D da nova consola portátil da Nintendo, como da súa pantalla táctil para unha rápida selección de armas e obxectos.
Nintendo tamén confirma que o xogo será compatible co novo slider pad, accesorio que permitirá incorporar á 3DS un segundo stick analóxico e 2 novos botóns a xeito de gatillo, o que mellorará a experiencia de uso neste tipo de xogos.

PUBLICIDADE