Reuters e Nokia crean un kit de xornalismo móbil

mércores, 24 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Ó integrar cámaras dixitais, os móbiles convertéronse nun elemento de grande utilidade para os xornalistas, que teñen moito máis doado informar dende calquera lugar sobre o que alí acontece, e a axencia Reuters decidiu avanzar neste contexto selando unha alianza con Nokia, que se concretou na creación dun kit de ferramentas para o xornalismo móbil baseado no terminal Nokia N95 e que vén de probarse con éxito.
O kit está composto por un móbil Nokia N95, un teclado portátil Nokia SU-8W, un micrófono de Sony (cun adaptador especial para usalo no N95), un trípode e un cargador Power Monkey (que na súa versión eXplorer inclúe un panel solar para conseguir a enerxía para o móbil sen precisar dunha toma eléctrica). A este hardware hai que engadirlle un sistema de xestión de contidos operativo dende o móbil que permite ós xornalistas publicar as súas novas case ó momento.
Agora que remataron as probas, Reuters e Nokia pretenden empregar estes kits para formar a estudantes de xornalismo e para promover o xornalismo cidadán.

PUBLICIDADE