Rianxo quere impulsar o comercio local cun marketplace en liña

martes, 11 de agosto do 2020 Redacción

A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) e o Concello de Rianxo dan un paso definitivo de cara a creación dunha plataforma en liña consistente nun gran directorio do sector empresarial rianxeiro e dun marketplace que lle permitirá ao comercio local ampliar as súas ventas chegando a un maior número de posibles clientes.
A ARE e o Concello levan meses traballando nas bases deste complicado proxecto. Ademais de sondar o interese do empresariado mediante reunións con parte do mesmo, realizáronse diversas xuntanzas, algunhas delas con empresas especializadas, co obxectivo de analizar as características específicas que debe ter a ferramenta que se vai crear e de como poder desenvolver e financiar o proxecto conxuntamente. Hai que destacar que, para a realización dun proxecto deste calibre, hai que ter en conta diversas cuestións e analizar infinidade de variables, algunhas das cales xurdiron precisamente nas reunións mantidas con negocios locais.
Logo de facer unha valoración definitiva das propostas e orzamentos presentados por diversas empresas especializadas elixiuse unha coa que xa se está a traballar na realización do proxecto.
Elixido o nome, que proximamente se fará público, estase agora a traballar na imaxe e o deseño desta plataforma online para posteriormente comezar a traballar na súa construción e, de seguido, volverase a contactar co empresariado local para informalo de xeito máis concreto sobre o funcionamento da plataforma e os servizos que poderá ofrecer a través dela.
A ARE e o Concello queren lembrar que este proxecto está aberto a todos os negocios situados no Concello de Rianxo e que estes poderán participar nel simplemente formando parte do directorio empresarial ou tamén ofrecendo os seus produtos e servizos a través do marketplace. Ademais, contratarase persoal especializado especificamente para asesorar aos negocios e axudalos no seu proceso de integración e adaptación ao marketplace.
A través desta plataforma tamén se poderán ofrecer servizos de recollida en tenda ou entrega a domicilio, algo moi útil para o sector da hostalería e que tamén pode ser de gran interese para o comercio de alimentación en particular e para o resto do comercio en xeral. Así mesmo, os negocios que o precisen ou queiran utilizalo, poderán ofrecer aos seus clientes a posibilidade de solicitar cita previa desde a propia plataforma, algo que pode ser de gran utilidade para salóns de peiteado, clínicas dentais, xestorías e talleres entre moitos outros.

PUBLICIDADE