Ribeira dixitaliza con tabletas a Oficina de Atención Cidadá

xoves, 28 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

O Concello de Ribeira deu novos pasos no seu Plan Municipal de Dixitalización grazas á implementación de tabletas entre o persoal da Oficina de Atención Cidadá (OAC), situada no andar baixo da Casa Consistorial. Esta iniciativa permite ao Concello continuar avanzando na erradicación do papel na tramitación de expedientes administrativos, un dos obxectivos da lexislatura.
As consultas dos veciño/as realizadas na OAC, a partir de agora, faranse mediante un escaneo no momento da documentación correspondente, e firmarán dixitalmente na pantalla da tableta, para de seguido recibir un xustificante de rexistro de entrada ao seu enderezo electrónico. Deste xeito os cidadáns non terán que deixar a documentación correspondente no consistorio.
A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro Rego, anunciou que no mes de febreiro está prevista a licitación dunha nova sede electrónica do Concello con notábeis melloras sobre a actual. A nova licitación tamén incluirá unha aplicación móbil coa que os cidadáns poderán xestionar súas citas dixitalmente.

PUBLICIDADE