Ribeira, proposta oficialmente como Concello Emprendedor Doing Business

luns, 9 de xullo do 2018 Redacción

O termo municipal de Ribeira vén de ser proposto oficialmente como novo Concello Doing Business Galicia – Concello Emprendedor. A iniciativa, feita pola Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ten o obxectivo de salientar, visualizar e recoñecer a calidade e a cantidade de recursos o municipio coruñés para acubillar proxectos innovadores de mercado. Esta proposta compleméntase coa entrada en vigor (o 19 de xuño) das novas bonificacións fiscais recollidas nos impostos sobre bens inmóbeis (IBI), actividades económicas (IAE) e construcións, instalacións e obras (ICIO), iniciativas todas elas compartindo o mesmo obxectivo: achandar o camiño dos novos proxectos empresariais.
A proposta a prol do recoñecemento de Concello Emprendedor foille notificada á Administración local despois de que na sesión da comisión técnica encargada do seguimento desta iniciativa celebrada o 22 de xuño, se acordase propoñer a habilitación da devandita distinción por “cumprir cos requisitos esixidos no correspondente protocolo”.
Respecto das vantaxes fiscais ás que teñen dereito agora os empresarios que se animen a emprender no municipio ribeirense (base, en parte, do dito recoñecemento), cómpre sinalar que atinxen ao IBI (ao abeiro do cal fíxase unha bonificación de ata o 95% da cota íntegra do imposto a favor de inmóbeis urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego), ao IAE (que vén cunha bonificación de até o 95% da cota correspondente) e ao ICIO (que tamén inclúe rebaixas de até o 95% sobre o imposto a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración).
Doing Business
En abril deste ano a listaxe de concellos aspirantes a integrarse na rede Doing Business estaba formada por máis dun centenar de administracións, sendo 47 os concellos finalmente recoñecidos con tal distinción (o primeiro dos cales foi o de Ourense). O programa, deseñado para favorecer a captación de investimentos empresariais, é froito dun convenio marco para a captación de investimentos asinado pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provinciais. Os Concellos Doing Business, en virtude desta iniciativa, están en capacidade de achegar máis incentivos fiscais, meirande simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo empresarial para empresas de nova creación.

PUBLICIDADE