Robótica e XuvenCiencia (USC) luciron proxectos revolucionarios na Maker Faire Galicia
luns, 5 de xuño do 2023
Alumnado
do grao en Robótica e investigadores do grupo de innovación docente
XuvenCiencia do Campus
Terra da USC presentaron proxectos de innovación tecnolóxica e kits
de experimentación científica na última edición da Maker
Faire Galicia, o evento argalleiro-tecnolóxico celebrado esta
finde en Santiago, na Cidade da Cultura, no que participaron
empresas, estudantes e milleiros de visitantes atraídos pola
innovación tecnolóxica.
A
delegación luguesa coa que participou a USC na última edición da
Maker Faire Galicia permitiu ao público visitante coñecer de
primeira man algúns dos prototipos que están a desenvolver o
alumnado do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de
Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC. Ao fío desta actividade,
a feira converteuse durante catro días no escaparate no que seis
estudantes da USC deron a coñecer as novas propostas tecnolóxicas
que están a desenvolver no marco dos seus respectivos Traballo de
Fin de Grao (TFG).
Acompañados
dos profesores de Robótica Enrique Comesaña e Roberto Iglesias, así
como do subdirector de Calidade da EPS de Enxeñaría da USC, Carlos
Núñez, os estudantes Sarah Fernández, Jesús Blanco, Elías
Blanco, Carmen Lardín, Julia Rodeiro, Sergio Rodríguez e Miguel
Burés, deron conta diante de industrias e do público en xeral das
distintas prestacións que ofrecen diferentes innovacións
tecnolóxicas que van desde unha cabeza robotizada que interactúa e
detecta emocións, un can de seguimento, un dron con sensores que
posibilitan ao operador o seu control por movemento, un proxecto de
aprendizaxe federado a través do que distintos ordenadores comparten
coñecemento a partir de modelos, ou robots humanoides que con
habilidades para procesos de rehabilitación ou coa aplicación Chat
GPT incluída.
Por
outra banda, os kits de experimentación científica desenvolvidos
polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC tamén foron
protagonistas nesta nova edición da Maker Faire Galicia, un evento
no que os profesores Mercedes Novo, Wajih Al Soufi e Jorge Dafonte,
así como diversos estudantes de mestrado e doutoramento na USC
explicaron aos asistentes e, nomeadamente, ao público máis miúdo,
as utilidades científicas dos seus kits educativos e de
experimentación (Animal CSI, RescueMe, AquaLab, DNAMeat, Fotometrix,
VitroPlant e Photonix Explorer).
A
presentación destes dispositivos, que segundo salienta a USC, “abren
múltiples posibilidades de investigación nas aulas”, estivo
acompañada da organización de charlas divulgativas e obradoiros
prácticos sobre a luz e as tecnoloxías que empregan luz, así como
noutras sesións nas que as persoas participantes puideron comprobar
as prestacións que ofrecen os kits de XuvenCiencia para diferenciar
carne de vacún ou porcino a partir dunha PCR, visualizar ADN en
mostras de sangue, coñecer a humidade e composición dos solos,
observar células en fluxos sanguíneos..., segundo explicou a
profesora Mercedes Novo, que tamén é a coordinadora do grupo
XuvenCiencia da USC.