Rock Band dará o salto á PSP xunto con outros grandes lanzamentos

mércores, 25 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Imaxe na que se representa cómo podería ser o Rock Band visto na PSP

Sony quere revitalizar a súa consola portátil, e para darlle o pulo que necesita para manter certa forza no mercado decidiron anunciar unha serie de fortes lanzamentos baseados en franquías de éxito.
Entre os xogos que chegarán para a PSP están unha previsible versión portátil do Little Big Planet, o MotorStorm: Arctic Edge (da popular saga de xogos de carreiras), Buzz: ¿qué sabes de tu país? (que incluirá preguntas centradas en España), unha versión de Assasin’s Creed e incluso un Rock Band Unplugged. A maiores tamén chegará en menos de dúas semanas ás tendas Resistance: Retribution, que podería ser o grande éxito para a PSP na primeira metade do ano.
Destes lanzamentos, o que parece ser máis ambicioso sería o Rock Band Unplugged, que respondería ao Guitar Hero On Tour para Nintendo DS e está a ser desenvolvido por Backbone Entertainment (responsable de grandes xogos coma Super Street Fighter II Turbo HD Remix ou 1942: Joint Strike). Contaría coa mesma mecánica de xogo que o resto de títulos da saga de Rock Band, pero utilizando os botóns da PSP en vez dunha guitarra de plástico conectada á consola, podendo cambiar o xogador entre os distintos instrumentos (guitarra, batería e baixo) ou mesmo usando a voz (aínda que neste caso non se canta realmente, senón que se fai uso dos botóns dianteiros da consola).
Rock Band Unplugged incluirá de serie temas de Blink 182, AFI, Kansas, Lit e The Police, aínda que tamén existirá un completo catálogo de cancións que se poderán mercar a través da PlayStation Network, co que pretenden repetir o éxito das versións domésticas do xogo (que xeraron importantes cantidades económicas por esta canle).

PUBLICIDADE