Rode lanza un sistema de dous micrófonos sen fíos

martes, 23 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Os micrófonos sen fíos Rode Wireless GO convertéronse en grandes referentes para os creadores de contidos nos últimos dous anos, por ofrecer unha magnífica relación calidade-prezo e ter un factor de forma sen precedentes, xa que non se limitaba a funcionar como un par de petacas de emisión-recepción ás que conectar un micrófono de lapela, senón que a petaca emisora tamén integra un micrófono, conseguindo así unha maior versatilidade.
Postos a renovar o produto non se limitaron en mellorar as súas prestacións, senón que decidiron crear un tipo de produto moito máis completo, e así temos que os Rode Wireless GO II dan un grande salto ao poder operar con dúas canles, ou sexa, que para un receptor temos un par de unidades emisoras, polo que teriamos unha solución moi interesante para a realización de entrevistas en vídeo.
Se non chegaba con permitir gravar de 2 fontes de audio á vez, o Rode Wireless GO II tamén mellora a súa tecnoloxía de transmisión (que promete chegar até a 200 metros de distancia con visión directa), os emisores integran memoria para gravar até 24 horas de son (o que serve de respaldo ante posibles fallos de transmisión ou gravación), permiten gravar o son en mono ou estéreo (ou sexa, que poden separarse ambas canles de con para a súa posterior edición ou fusionalas para simplificar o traballo) e, como detalle especialmente salientable temos que xa non só conta cunha toma mini-jack, senón tamén con saída de audio dixital para iOS e USB-C, de xeito que é compatible con móbiles modernos. A batería integrada nas novas petacas permiten unha autonomía de até 7 horas.
Os novos micrófonos de Rode, á venda por 299 dólares, inclúen cable mini-jack para o receptor e 3 cables de carga de USB-A a USB-C, e contan con accesorios como os cables SC15 (para dispositivos con iOS) e SC16 (para dispositivos con USB-C), micrófonos de lapela, adaptador para converter un dos micrófonos en micrófono de man e incluso un sistema de fixación mediante imáns para facilitar a colocación dos emisores.

Vídeo promocional do Rode Wireless GO II

PUBLICIDADE