Router Wi-Fi para ADSL2+ que usa 3G coma respaldo

venres, 18 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

O router Netgear DGN2200M chega a España para ofrecer certa versatilidade que agradecerán os usuarios que precisen dunha alta dispoñibilidade de Rede, pois este dispositivo que combina Wi-Fi N e un modem ADSL2+, tamén permite o acceso á Internet valéndose da banda larga móbil achegada por un dispositivo conectado a través dun porto USB integrado (que serviría coma conexión de respaldo), que tamén pode empregarse para compartir un dispositivo en rede.
O router conta con 4 portos Fast Ethernet, permite configurar filtros de control paterno (e outros filtros personalizados), ten mecanismos de medición do uso da Internet (característica especialmente interesante para os que contraten conexións con límites de transferencia), soporta seguridade Wi-Fi (WPA/WPA2-PSK e WEP), inclúe mecanismos para evitar intrusións e previr ataques de denegación de servizo, mide 17,3 x 12,8 x 3,3 centímetros e pesa 0,3 quilos. Agárdase que o seu prezo en España sexa duns 155 euros.
Netgear tamén vén de presentar o seu router MBR1517, que permite compartir a través de 4 portos Fast Ethernet ou Wi-Fi N a conexión achegada por conexións tanto 3G (CDMA/HSPA/HSPA+) coma 4G (LTE), o que resulta moi práctico para dotar de conectividade a oficinas móbiles ou a localizacións onde non chegue a banda larga fixa.

O router conta con 4 portos Fast Ethernet e un porto USB

PUBLICIDADE