Sae á venda a versión con 5G do popular Samsung Galaxy A51

venres, 19 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O director de Marketing da división de Mobilidade de Samsung, Luís de la Peña, publicou unha columna editorial dando conta da aposta do público español pola gama Galaxy A, que como grande expoñente ten actualmente ao Galaxy A51, que no primeiro trimestre de 2020 colocou 6 millóns de uniades a nivel mundial, conseguindo colarse entre os 6 smartphones máis vendidos a nivel mundial, xunto co Galaxy A10s e o Galaxy A20s. No caso español, entre os 10 smartphones máis vendidos estarían o Galaxy A40 (con máis de 93.000 unidades distribuídas) xunto cos Galaxy A10, A70, A50 e A20e, constatando a boa recepción que teñen estes teléfonos que hoxe estrean un modelo que será bastante relevante: a versión 5G do Galaxy A51, de xeito que fará asumibles as bondades da 5G.
Este novo smartphone pode adquirirse en tendas como Fnac a un prezo de 469,9 euros, prezo considerablemente inferior a, por exemplo, o Galaxy S20 5G (á venda por 1.009 euros), e que podería converterse nun dos referentes da telefonía 5G en España durante os vindeiros meses. A diferenza de prezo entre a versión 4G e a 5G do Galaxy A51 é de 100 euros, cantidade que deberían ter en consideración os que vaian adquirir un teléfono móbil, xa que este investimento só compensaría en casos nos que se viva nunha zona que vaia gozar de cobertura 5G durante o tempo de uso do terminal móbil, ou sexa, que pagaría a pena en casos moi puntuais (cidadáns que vivan en certos barrios da Coruña ou Vigo, ou quen teña previsto non mudar de móbil en bastantes anos).
O Samsung Galaxy A51 5G ofrece banda larga móbil a velocidades ultrarrápidas, está equipado cun procesador de 8 núcleos, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 1 TB), a súa pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,5 polgadas conta cun orificio central para agochar a súa cámara frontal de 32 Mpíxeles e lector de impresións dixitais, a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, a batería de 4.500 mAh consegue que teña unha boa autonomía, e tamén conta con NFC e toma para auriculares.

PUBLICIDADE