Sae á venda o droide BB-8 fabricado por Sphero

venres, 4 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Antes do verán comentamos que o droide BB-8 do filme que vai gobernar as salas cinematográficas no Nadal, Star Wars: El Despertar de la Fuerza, inspirou un xoguete controlable co smartphone, no que viña a ser unha adaptación dunha Sphero á que lle deron a aparencia do novo personaxe galáctico, e dado que hoxe foi o día no que oficialmente se realizou o lanzamento masivo da mercadotecnia da película, xa sabemos como será finalmente ese xoguete controlado a distancia, que será bastante máis caro que a esfera motorizada orixinal (actualmente á venda por 129,99 dólares).
O BB-8 baseado en Sphero está xa dispoñible na tenda oficial de Star Wars para España ao esaxerado prezo de 169,90 euros con gastos de envío incluídos, e este dispositivo de 29 x 18 centímetros contaría cunha base de carga por indución e pode controlarse dende dispositivos móbiles con iOS e Android (estando en desenvolvemento a aplicación para Windows Phone), sendo posible guiar o droide deslizando o dedo sobre a pantalla do móbil ou tableta, programar que o robotiño patrulle ao noso redor ou incluso proxectar mensaxes holográficos que poderemos ver grazas á realidade aumentada (as mensaxes poden gravarse en vídeo, para poder ter as nosas holografías virtuais personalizadas).
Este xoguete de luxo tamén recoñece e reacciona á voz do usuario e, en vista de que non está ao alcance de todos os petos, dende Disney tiveron a deferencia de comercializar un boneco de acción de BB-8 das mesmas dimensións fabricado por Hasbro, que funcionaría cun mando a distancia tradicional e incorporaría efectos de son (podendo activarse mediante un botón o por recoñecemento de voz) e que tería un prezo de 39,90 euros.

O novo xoguete de Sphero busca converterse nun dos produtos de moda de cara ao Nadal, aínda que terá que enfrontarse á barreira dun prezo moi elevado

Vídeo promocional do BB-8 de Sphero

PUBLICIDADE