Sae á venda o novo Nokia 8110

mércores, 4 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Ao igual que o ano pasado Nokia xogou a carta da resurrección do Nokia 3310 para chamar a atención dos medios, este ano fixeron o mesmo co Nokia 8110, o famoso teléfono banana que tiña unha tapa deslizante protexendo o seu teclado e que saía nunha versión modificada no filme Matrix.
Este novo teléfono está equipado cun procesador Qualcomm 205, que tamén inclúe unha versión do clásico xogo da serpe como un aceno aos amantes do modelo orixinal, e que ofrece conectividade 4G para poder gozar de chamadas nítidas en redes modernas. A súa pantalla ten resolución QVGA (240 x 320 píxeles) e a súa cámara de 2 Mpíxeles, no que claramente busca ser un obxecto de coleccionismo, máis que un produto funcional.
Conta cunha tenda de aplicacións moi limitada, na que están dispoñibles o Asistente de Google, o buscador de Google, o servizo de mapas de Google, Facebook e Twitter; tamén serve para sincronizar contactos, axenda e correos electrónicos de Outlook e Gmail, pero carece de aplicacións consideradas imprescindibles para moitos usuarios como WhatsApp.
Chega hoxe ás tendas a un prezo de 79,90 euros, tanto nunha discreta versión en cor negra, como cunha carcasa en cor amarela que claramente xoga co feito de que o teléfono tiña semellanza cun plátano.

O Nokia 8810 poderá mercarse en cor amarela, respondendo mellor ao seu alcume de teléfono banana

PUBLICIDADE