Sae á venda un tablet con Windows 8.1 e lapis de Wacom

luns, 10 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Tras adiantarse hai un mes que Asus estaba a preparar o lanzamento dun tablet con pantalla de 8 polgadas e lapis dixitalizador de Wacom, o que supón o remate da exclusiva que tiña Samsung para o uso deste tipo de punteiros, finalmente aparece na tenda en liña de Microsoft o Asus VivoTab Note 8 a un prezo que parte dos 329 dólares (30 dólares máis caro do agardado inicialmente).
Estamos ante un equipo cunha pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador Intel Atom Z3740 de catro núcleos a 1,33 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, lector de tarxetas microSD, microUSB 2.0, cámaras de 5 e 1,2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, un grosor de 10,16 milímetros e un peso de 380 gramos, que funciona con Windows 8.1 e inclúe a versión doméstica do Microsoft Office 2013.
Ao parecer as existencias deste tablet aínda son moi limitadas, pero estamos ante un equipo moi atractivo, por achegar as posibilidades dun ordenador completo nun formato cativo, á vez que incorpora a precisión do lapis dixitalizador de Wacom, que permite dende debuxar en pantalla con 1.000 niveis de presión ata facer un mellor uso de Windows nunha pantalla de tamaño reducido na que pode resultar difícil atinar sobre certos elementos cos dedos.
O Asus VivoTab Note 8 ten unha autonomía dunhas 8 horas, polo que pode considerarse como un equipo para poder empregarse durante unha xornada de traballo completa sen a necesidade de conectalo á corrente. Polo momento non se ten información sobre o modelo deste equipo con 64 Gb de almacenamento interno (que podería saír á venda en breve por 50 dólares máis).

PUBLICIDADE