Sae ó mercado o P16, reprodutor de mp3 da empresa galega Blusens

mércores, 11 de abril do 2007 Raquel Noya

Con tan so 46 gramos de peso e unhas dimensións moi reducidas para un dispositivo deste tipo (76 x 44 x 16 mm), vén de ver a luz o novo reprodutor mp3 de última xeración da firma galega especializada en electrónica de consumo Blusens. O P16, que así se chama a “criatura”, incorpora unha pantalla panorámica retroalumeada LCD-TFT de 1,8 polgadas e máis de 260.000 cores, coas que se poden reproducir os arquivos de vídeo smv, como afirma a empresa de Santiago, “en calquera momento e lugar”. Este novo mp3 dispón dun altofalante externo incorporado e inclúe un software precargado co que o usuario poderá transformar os seus vídeos MPEG4 (DivX/vid) a este formato.
Ademais, o novo reprodutor ten unha capacidade de almacenamento de 1 xigabyte de memoria flash e, ademais, deixa marxe para unha ampliación instantánea da capacidade, posibilitando ó mesmo tempo o intercambio de material con outro tipo de dispositivos que empreguen as chamadas tarxetas SD, como por exemplo a meirande parte das cámaras fotográficas do mercado.
Ó igual có resto dos dispositivos de audio de Blusens, o P16 ofrece distintos menús en pantalla nos que se recollen, tódolos datos do arquivo que se está a reproducir e, por se a música que lle metemos non abondase, conta con radio FM integrada e incorpora unha entrada de audio para gravar música dende unha fonte externa, sen que sexa preciso un ordenador “e sen perda de calidade”, informa a casa distribuidora.
O aparello tamén inclúe batería de litio, adaptador de corrente, auriculares estéreo, fío USB, manual de usuario e software conversor de MPEG 4. O seu prezo no mercado é de 59 euros.

PUBLICIDADE