Salientan o papel da Rede como impulsora de medios en galego

luns, 1 de febreiro do 2016 Redacción

O afianzamento do ámbito dixital alenta o xurdir e o mantemento de medios en galego. Así se fai saber na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, que vén de publicar, a través do seu comité de expertos, un cuarto informe de seu para España. Nel avalíase a fondo o estado de saúde da nosa lingua nos medios, un “estado de saúde” que a Carta cualifica de parcialmente aceptábel. Ou sexa, que se cumpriron algúns compromisos pero outros están aínda pendentes de chegar a bo porto. Entre estes últimos, atópanse as canles privadas da TDT e o eido da prensa en papel, onde como lembraremos xa non fica en activo ningún xornal en galego. Tamén se alenta no documento a “promover a recepción das radios e televisións portuguesas”.
Nas recomendacións para o caso galego, pola contra, considéranse “parcialmente cumpridos” os obxectivos de fomentar a posta en marcha de polo menos unha radio e polo menos unha canle de TV en galego. Porén, no relatorio sinálase que o Goberno autonómico “non semella moi activo á hora de garantir que se cumpra o mínimo da metade da programación en galego nas licenzas autonómicas da TDT”. No caso da prensa, saliéntase como dixemos o papel da contorna dixital como palestra para a aparición e afianzamento de medios na nosa lingua (Praza.gal, Codigo Cero, Galicia Confidencial, Que pasa na costa, etc) así como versións en galego dunha parte das plataformas tradicionalmente publicadas en castelán ou maioritariamente en castelán. Pola contra, o comité láiase do peche de xornais que apostan polo noso idioma. Ao fío disto, no relatorio convídase ás administracións responsábeis e aos profesionais da comunicación a xuntaren forzas para avaliar as potencialidades dos xornais impresos en galego.

PUBLICIDADE