Samsung Indonesia desvela as especificacións dos Galaxy A6 e A6+

luns, 30 de abril do 2018 Marcus Fernández

Aínda que Samsung non presentou oficialmente os seus novos smartphones Galaxy A6 e A6+, na súa páxina web en Indonesia estes terminais xa aparecen coas súas especificacións completas, de xeito que xa podemos coñecer en profundidade o que achegarán estes móbiles que prometen converterse nos grandes referentes da gama media ao sumar unha boa fabricación e elegante deseño cunhas prestacións máis propias de terminais de alta gama de hai uns meses.
Os novos teléfonos teñen pantallas con relacións de aspecto 18,5:9, de xeito que o seu grande tamaño non ten un grande impacto na súa anchura, conseguindo un agarre confortable. Tamén contan cun lector de pegadas dixitais na súa parte traseira, despexando así tamén bastante espazo da súa parte frontal, na que teremos pantallas Super AMOLED e cámaras con apertura f/1.9 e a posibilidade de optar por empregar flash de pantalla ou flash LED para conseguir uns selfies correctamente iluminados.
O Samsung Galaxy A6 sería un teléfono un tanto limitado, principalmente pola súa pantalla de 5,6 polgadas cunha resolución de 720 x 1480 píxeles, que na súa parte traseira contaría cunha cámara de 16 Mpíxeles con apertura f/1.7, mentres que a súa cámara frontal de 16 Mpíxeles tería unha apertura de f/1.9. O seu procesador de 8 núcleos operaría a 1,6 GHz, contaría con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de até 256 GB) e a súa batería sería de 3.000 mAh. Temos así un dispositivo que vai dirixido principalmente aos que gustan do seu deseño, pero non son esixentes en prestacións.
O Samsung Galaxy A6+, pola súa banda, é xa un teléfono moito máis completo, cunha pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 1.080 x 2.220 píxeles (ou sexa, Full HD+), cámara traseira dual de 16 Mpíxeles (f/1.7) e 5 Mpíxeles (f/1.9), cámara frontal de 24 Mpíxeles (con apertura f/1.9), procesador de 8 núcleos a 1,8 GHz, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 400 GB) e batería de 3.500 mAh. Un terminal que claramente poderiamos ver como unha versión económica do Galaxy S9+, e que probablemente chegue a ser un dos grandes éxitos de Samsung en mercados como o español, onde é previsible que teña un prezo inferior aos 400 euros.

As diferenzas entre o Galaxy A6 e o A6+ van máis aló do tamaño, de xeito que case pertencen a gamas totalmente diferentes

PUBLICIDADE