Samsung Pay chega aos novos Galaxy A

mércores, 2 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Antes do lanzamento dos Galaxy S6 Edge e S6 Edge+ dende Samsung intentaron gañarse ao público que daba prioridade ao deseño nos móbiles con varios modelos Galaxy Alpha, e para continuar a ofrecer unha alternativa elegante aos móbiles de máis alta gama, presentan agora novos smartphones Galaxy A para 2016, que serían os modelos Galaxy A7, A5 e A3 con pantallas de 5,5, 5,2 e 4,7 polgadas respectivamente.
Os novos Samsung Galaxy A non só presentan unha elegante combinación de metal e vidro, conseguindo un acabado premium, á vez que tamén coidan o seu rendemento para que os usuarios consigan unha boa experiencia de uso, senón que tamén van integrar Samsung Pay, de xeito que aproveitarán a súa conectividade NFC para o sistema de pagamento de Samsung que ten previsto chegar a España nos vindeiros meses, e que persegue, na mesma liña que Google e Apple, que deixemos de empregar as tarxetas bancarias para realizar pagamentos en establecementos comerciais físicos e pasemos a utilizar móbiles con lector de pegadas dixitais como unha solución rápida e segura.
Outro detalle salientable dos novos Galaxy A son as súas cámaras, xa que as súas cámaras inclúen estabilización óptica de imaxes para evitar que as fotografías saian borrosas e poidan saír nítidas en condicións de pouca luminosidade.
Entrando nas especificacións, o Galaxy A7 é un smartphone LTE (ou sexa, con velocidades de descarga de até 300 Mbps) cunha pantalla Super AMOLED Full HD de 5,5 polgadas, cun procesador de oito núcleos a 1,6 GHz, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles (ambas con apertura f1.9), Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, NFC, batería de 3.300 mAh con carga rápida, Android 5.1, un grosor de 7,3 milímetros e un peso de 173 gramos, ou sexa, un dispositivo de gama media-alta, que conta cun factor de forma que no o vai ter doado nos vindeiros meses coa grande competencia chinesa (de aí que resulte un tanto sorprendente que esta nova familia de móbiles inicie a súa comercialización en China a mediados de novembro).
Máis razoable pareceralles a moitos o Galaxy A5, xa que reduce o seu tamaño de pantalla até as 5,2 polgadas, aínda que por desgraza iso tamén leva consigo a redución da súa RAM até os 2 GB e da súa batería até o 2.900 mAh (que parecen máis que suficientes para o seu tamaño de pantalla). Iso si, ao reducir dimensións o seu peso tamén consegue quedar en 155 gramos.
E para os que busquen un smartphone máis cativo e económico, o Galaxy A3 xa serían un dispositivo moito máis modesto, quedando nunha gama media-baixa, xa que a súa pantalla de 4,7 polgadas tería unha resolución de 1.280 x 720 píxeles, a RAM limítase ao 1,5 GB (algo difícil de entender actualmente) e a batería tamén queda nuns discretos 2.300 mAh. A súa única mellora con respecto aos seus irmáns sería o ter un peso de 132 gramos. Outros detalles a salientar deste móbil é que tampouco contaría con lector de pegadas dixitais (polo que non sería compatible con Samsung Pay) e as súas cámaras carecerían de estabilización óptica, ou sexa, que estamos ante un smartphone que só pertence a esta familia pola súa aparencia exterior.

PUBLICIDADE