Samsung Z, o primeiro smartphone con Tizen

luns, 2 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Pese a ser Samsung o principal fabricante mundial de produtos baseados en Android, a compañía surcoreana ten deixado claro en numerosas ocasións que non quere verse encadeada a Google, polo que levan tempo traballando en tecnoloxías alternativas, chegando incluso a atreverse a presentar un smartphone baseado nun sistema operativo desenvolvido internamente, o Samsung Z, que presume de ser o primeiro smartphone que chega ao mercado con Tizen e que mañá mesmo amosarase en San Francisco nun congreso para desenvolvedores desta plataforma de software.
O novo terminal é moi semellante aos smartphones con Android comercializados actualmente, funcionando cun procesador de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de ata 64 Gb), pantalla Super AMOLED de 4,8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, NFC, infravermellos (para poder empregalo como mando a distancia), lector de pegadas dixitais, batería de 2.600 mAh, un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 136 gramos.
Este novo smartphone 4G presenta unha nova aparencia que a distingue doutros teléfonos da mesma compañía, cun deseño delgado e angular, con liñas sofisticadas e dúas cores distintas (negro e dourado), que consegue manter a identidade propia dos dispositivos de Samsung.
De todos os xeitos, non parece que vaiamos a estar ante un teléfono de grande distribución, pois polo momento sábese que a partir do terceiro trimestre do ano vai venderse en Rusia e outros mercados, dando a impresión de que estaremos simplemente ante o que poderiamos chamar o plan B de Samsung ante posibles xiros de temón de Google que poidan prexudicar á compañía.

PUBLICIDADE