Samsung adía o lanzamento do Galaxy Fold

luns, 22 de abril do 2019 Marcus Fernández

A semana pasada foi bastante problemática para o primeiro smartphone encartable en chegar ao mercado, o Samsung Galaxy Fold, xa que varias unidades de proba entregadas a xornalistas e youtubeiros experimentaron problemas nas súas pantallas, creando un grande rebumbio que podería lembrar ao que aconteceu hai anos co Galaxy Note7, polo que dende a compañía surcoreana quixeron tomar precaucións e, antes de que o produto chegue o mercado, están a analizar seriamente o acontecido e a pór en pausa os eventos de prensa a través dos que querían dar a coñecer este revolucionario produto (previsiblemente para non ter que enfrontarse á inevitable pregunta da causa das avarías das que tanto se está a falar na Rede, xa que tardarán en poder dar unha exhaustiva resposta).
Inicialmente sóubose que os eventos de lanzamento do Galaxy Fold adiábase en China, e agora, a presentación programada para o vindeiro día 24 en Madrid adíase indicando que «Samsung está a traballar para asegurar que todos os seus dispositivos ofrecen a mellor experiencia de cliente e a mellor calidade no momento de poñelos á venda», engadindo que procurarán dar detalles o antes posible.
A situación é bastante complexa, xa que os fallos de pantallas de terminais de proba do Galaxy Fold déronse todos en EE.UU., e en 3 dos 5 casos coñecidos foron consecuencia da retirada dunha película protectora que tiñan unha función estrutural, nun caso dá a impresión de que a pantalla recibiu un impacto, e o incidente restante si parece preocupante, pois baixo o pregue da pantalla teríase coado algo (o que podería indicar un fallo de deseño). Tamén cómpre salientar que falamos de unidades de pre-produción, polo que os produtos que chegarán ao mercado non serán igual (de feito, os móbiles para o mercado de consumo inclúen advertencias indicando que a película protectora da pantalla non debe retirarse), pero vese que dende Samsung prefiren ser prudentes, e adiar o lanzamento dun produto até confirmar os motivos dos fallos da pantalla que os caracteriza.
Aínda que ao final conclúan que os fallos das pantallas foron incidentes sen importancia, de cara ao público hai un serio problema de imaxe, non para o Galaxy Fold, senón para todos os móbiles con pantalla encartable, xa que transmítese a impresión de que esta tecnoloxía aínda está pouco madura e non é de confianza, o que podería pór en perigo o futuro desta categoría de produto, de aí que sexa desexable que Samsung clarexe a situación e consiga que o Galaxy Fold demostre ser un produto robusto para tranquilizar ao mercado a longo prazo.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Samsung remitiu un comunicado anunciando que retrasarán o lanzamento do Galaxy Fold.
«Samsung vén de presentar unha categoría de dispositivo móbil completamente innovadora que utiliza múltiples novas tecnoloxías e materiais capaces de crear unha pantalla tan flexible que pode dobrarse. Sentimos realmente entusiasmados polas expectativas xeradas ao redor do Galaxy Fold.
Moitas das persoas que probaron este novo dispositivo destacaron o seu grande potencial pero algúns tamén nos indicaron que necesita algunhas melloras adicionais para garantir a mellor experiencia de usuario posible. Para poder analizar en detalle devanditos comentarios e realizar máis probas internas, decidimos pospoñer o lanzamento do Galaxy Fold. Nas vindeiras semanas anunciaremos a data oficial de lanzamento do dispositivo.
Os resultados iniciais da análise das incidencias nas pantallas das que tivemos noticia mostran que estas poderían deberse a impactos nas áreas máis expostas da bisagra, o seu parte superior e inferior. Tamén coñecemos un incidente no que substancias atopadas dentro do dispositivo afectaron o rendemento da pantalla.
Imos adoptar as medidas oportunas para reforzar a protección da pantalla e melloraremos a guía sobre o coidado e uso da pantalla, incluída a capa protectora, para que os nosos clientes obteñan o máximo rendemento do seu Galaxy Fold.
Samsung valora a confianza que os nosos clientes depositan en nós. Para Samsung os clientes son sempre nosa principal prioridade.
O compromiso de Samsung é traballar estreitamente cos nosos clientes e partners para que a industria avance e queremos agradecerlles a todos a súa paciencia e comprensión».

PUBLICIDADE