Samsung lanzará en xuño os seus reprodutores S2 e S3

venres, 25 de abril do 2008 Marcus Fernández

Samsung vai comezar a vender dous novos reprodutores musicais portátiles que destacan polo seu atractivo deseño conforma redonda e diversidade de cores cos que pretende atraer a un público cada vez máis interesado na aparencia dos seus trebellos.
O reprodutor máis básico desta nova liña será o S2 Pebble, que conta con só 1 Gb de almacenamento, sintoniza radio FM e reproduce ficheiros MP3, WMA e OGG, lembrando en certa medida ao iPod Shuffle, pois carece de pantalla. Venderase en cores verde, púrpura, vermello e branco/negro e a súa autonomía será de 13 horas.
O S3 estará dispoñible con capacidades de 4 e 8 Gb, e engade ás súas características unha pantalla de 1,8 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles, de xeito que, aparte de música, tamén pode reproducir vídeo en MPEG-4, ver imaxes JPEG e executar certos xogos Flash. As súas cores serán verde, vermello, azul, branco e negro, contará cunha autonomía de 25 horas para audio e 4 para vídeo e non só sintonizará radio FM, senón que tamén poderá gravar da mesma.
Os dous modelos comezarán a venderse no mes de xuño e aparte do seu deseño compacto tamén achegarán unha calidade de son bastante elevada, pois empregarán a tecnoloxía Digital Natural Sound engine 2.0 (DNSe) propietaria de Samsung.

PUBLICIDADE