Samsung levará ao CES novos monitores con deseños moi rechamantes

venres, 4 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Samsung vén de presentar tres novos monitores pensados para distintos perfís de usuario e atendendo a distintas demandas de profesionais, xogadores e creadores de contidos, todos coas últimas tecnoloxías que garanten unha magnífica calidade de imaxe, e que poderán verse en vivo durante o CES de Las Vegas que terá lugar a vindeira semana.
O Space Monitor podería ser a pantalla máis rechamante de Samsung, por ofrecer un deseño delgado e funcional, que busca aforrar espazo ao máximo, cun pé abatible con formato de pinza, de xeito que pode engancharse ao bordo da mesa, aforrando moito espazo no escritorio. Este pé pode inclinarse para achegar a pantalla ao usuario, e podendo volver colocarse en vertical para deixar libre o espazo que ocupa o monitor. O propio pé tamén serve para guiar os cables. Un dispositivo moi interesante que chegará en tamaños de 27 e 32 polgadas con resolucións QHD e UHD respectivamente.

Vídeo de presentación do Samsung Space Monitor

49 polgadas en 32:9 para xogadores

p> Máis esaxerado, e para un público moito máis específico, sería o CRG9, un monitor de 49 polgadas cunha relación de aspecto 32:9 (ou sexa, que equivale a pegar dous monitores panorámicos) cun refresco de 120 Hz e unha velocidade de resposta de 4 milisegundos, de xeito que sería ideal para gozar de videoxogos e, precisamente por iso incoprora tecnoloxías como a AMD Radeon FreeSync 2 HDR, que garante unha experiencia de xogo fluida.
Este monitor ten unha resolución de pantalla de 5.120 x 1.400 píxeles, cun brillo de até 1.000 nits e compatibilidade con HDR10. Promete unhas cores fieis dende un amplo ángulo de visión e conta cunha curvatura para garantir unha visión completa para o xogador.
Aparte dos xogos, tamén pode aproveitarse esta grande pantalla para a multitarefa, para o que conta con funcións de Pictury-by-Picture, podendo así presentar en pantalla a imaxe de dúas fontes de vídeo. Integra 1 porto HDMI, 2 portos DisplayPort, USB 3.0 e toma de auriculares.

32 polgadas parar crear contidos

Pensando nos creadores de contidos chegará o UR59C, un monitor curvo de 32 polgadas de ultra alta definición, con soporte para mil millóns de cores e unha relación de contraste de 2.500:1, buscando así unha boa representación de imaxes e vídeos, así como evitar a fatiga visual tras un uso prolongado. Esta pantalla superdelgada ten un grosor de só 6,7 milímetros e a súa base facilita a guía de cables para reducir a súa pegada no escritorio.

PUBLICIDADE