Samsung mellora a velocidade das súas unidades SSD

mércores, 21 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Non parece haber dúbida en que os disco duros están chamados a ser unha tecnoloxía do pasado, especialmente se temos en conta as melloras que están a ter as unidades SSD en capacidade e velocidade, como demostran dende Samsung Electronics cando desvelan as súas novas unidades Samsung 960 PRO e 960 EVO, que chegarán ao mercado en outubro en formato M.2 e baseadas en V-NAND conseguen un rendemento, unha resistencia e unhas capacidades que os fan ideais para os usuarios máis esixentes que demandan sistemas de almacenamento compactos e rápidos (xogando un rol moi importante en ordenadores ultraportátiles).
Ambas unidades SSD empregan unha interface PCIe Gen.3 x4, e no caso da Samsung 960 PRO consegue velocidades de lectura e escritura secuenciais de 3.500 e 2.100 MBytes/segundo, de xeito que superan as máis elevadas demandas de edición de vídeo en ultra alta definición ou o tratamento masivo de datos. Ofrecerase en capacidades de 512 GB, 1 TB e 2 TB, de xeito que os equipos que opten por estas unidades xa non terían nada que envexar a equipos con discos duros tradicionais, aos que igualarían en capacidade, pero gozarían dun acceso moitísimo máis áxil e dunha maior resistencia (ao non contar con partes móbiles as unidades SSD resultan moito máis seguras en equipos portátiles). O modelo de 500 GB custaría 329,99 dólares, e o de 2 TB elevaría o seu prezo até os 1.299 dólares, o que aínda está lonxe dun mercado masivo.
As unidades Samsung 960 EVO pola súa banda chegarán en capacidades de 250 GB, 500 GB e 1 TB, con velocidades de lectura e escritura secuenciais de até 3.200 e 1.900 MBytes/segundo, o que continuaría a ser un desempeño moi bo, conseguindo prezos máis contidos que partirían dos 129,99 dólares para o modelo e 250 GB e chegaría aos 479 dólares para o modelo de 1 TB (prezo que podería ser aceptable en moitas configuracións de ultraportátiles de alta gama).

PUBLICIDADE