Samsung permite alugar e probar os seus novos móbiles encartables

martes, 17 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Os novos smartphones encartables de Samsung chegarán ás tendas o vindeiro 27 de agosto a prezos de partida de 1.059 e 1.809 euros en función do modelo, polo que quedan fóra do alcance de moitos consumidores ou incluso poden provocar certo reparo para usuarios que si poden permitirse a adquisición pero consideran que é un risco adquirir un dispositivo deste tipo sen probalo antes, de aí que lancen un par de programas para facilitar facerse cun dos dispositivos da serie Z: a proba durante 60 días e o aluguer.
No caso de usuarios que dubiden se un Samsung Galaxy Z Fold3 5G ou un Samsung Galaxy Z Flip3 5G son dispositivos válidos para o seu día a día, Samsung ofrece a probabilidade de mercalos e gozar dun período de proba de 60 días, de xeito que se o consumidor non está satisfeito pode devolver o produto e recibir a devolución dos seus cartos, opción para o que será preciso rexistrarse dentro dos 14 días posteriores á data de compra.
Pero a opción máis rechamante das ofrecidas por Samsung é probablemente o aluguer dentro do programa Renting by Evollis, que permite alugar un dos novos Galaxy Z durante 18 meses, de xeito que tras 12 meses ofrecerán a posibilidade de mudalo por outro modelo dentro do programa (renovando o contrato) ou continuar co aluguer até cumprir os 18 meses (tras o que haberá que devolver o dispositivo).
Como exemplo de aluguer dun Galaxy Z Fold3 5G, o modelo con 256 GB de capacidade ten unha mensualidade de 70,82 euros e un pagamento inicial de 99 euros, mentres que un Galaxy Z Flip3 5G de 128 GB tería un pagamento adiantado de 99 euros e unha mensualidade de 43,83 euros. Este sistema de aluguer inclúe tamén un plan de protección contra rotura accidental, oxidación accidental e roubo.

PUBLICIDADE