Samsung pon á venda o seu smartphone con cámara reversible

mércores, 10 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Cando no mes de abril presentouse a nova familia de teléfonos Galaxy A sorprendía especialmente o Galaxy A80 por presentar unha pantalla Infinity Display de 6,7 polgadas sen pestana superior ou orificio para a cámara frontal, xa que prescindía de tal elemento para empregar un mecanismo que fai reversible a súa cámara traseira tripla, converténdose posiblemente no smartphone mellor dotado para a toma de selfies e autogravación de vídeo.
Despois de varias semanas sen saber deste orixinal dispositivo, por fin témolo aquí, é xa é posible mercar o Samsung Galaxy A80 en España a un prezo recomendado de 669 euros, o que resulta sorprendente por ser un terminal da familia Galaxy A (o resto de terminais da serie móvense entre os 169 e os 359 euros), pero que sería toda unha declaración de intencións, dando así a entender que é un móbil que busca ser rechamante e non quere que a súa arriscada proposta teña a consideración de barata.
O Galaxy A80 non só ten unha cámara tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles e unha cámara de profundidade 3D, senón que tamén pode presumir de batería de 3.700 mAh con carga ultrarrápida de 25 watts, procesador de 8 núcleos, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento e lector de pegadas dixitais en pantalla e NFC, polo que sería o Galaxy A que máis se aproxima en prestacións a un Galaxy S, polo que podería converterse nun dispositivo de moda entre certos perfís de influencers.

Vídeo promocional do Samsung Galaxy A80

PUBLICIDADE