Samsung pon á venda unidades SSD externas con Thunderbolt 3

martes, 28 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos as unidades SSD están a imporse aos discos duros internos, pero para quen precise unha grande velocidade tamén hai unidades SSD externas, como a Samsung Portable SSD X5, que vén de saír á venda nos EE.UU. en capacidades de 500 GB, 1 TB e 2 TB a 399,99, 699,99 e 1.399,99 dólares, que non parecerán baratos, pero que destacan por aproveitar os portos de comunicación Thunderbolt 3, de xeito que ten velocidades de lectura/escritura de 2.800/2.300 MB/segundo.
Temos así unhas unidades SSD externas ideais para usuarios profesionais que precisan de grandes velocidades para procesar vídeo ou grandes cantidades de datos en mobilidade (ou simplemente que poida transportarse fisicamente). Estas unidades X5 son até 5,2 veces máis rápidas que as unidades SSD portátiles normais e até 25,5 veces máis rápidas que un disco duro externo, e como exemplo desta velocidade dende Samsung aseguran que esta unidade podería transferir unha película 4K de 20 GB en só 12 segundos.
Aparte da elevada velocidade de transferencia, este tipo de unidades tamén conta con protección térmica e soporta mellor os golpes ao non contar con partes móbiles e ter unha carcasa de aliaxe de magnesio capaz de resistir caídas a 1,8 metros de altura.

Vídeo promocional das novas unidades SSD externas de Samsung

PUBLICIDADE