Samsung presenta a Galaxy Tab A8

xoves, 16 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A nova tableta de Samsung, a Galaxy Tab A8 chega como un produto pensado na aprendizaxe, a diversión e a comunciación a un prezo axustado e cunha boa integración no ecosistema Galaxy. Presenta unha pantalla de 10,5 polgadas cunha relación de aspecto 16:10 e cun marco máis reducido que o de modelos anteriores, estando tamén equipado con 4 altofalantes con Dolby Atmos, polo que é un bo dispositivo para o consumo audiovisual que tamén pode gozar da aplicación Samsung TV Plus (que achega máis de 160 canles de balde).
A Galaxy Tab A8 mellora o seu rendemento un 10% fronte ao modelo anterior e ofrécese en diferentes configuracións (3/4 GB de RAM e 32/64/128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB) para adaptarse ás necesidades e orzamentos da grande diversidade de usuarios desta gama de dispositivos. Tamén conta cunha xenerosa batería de 7.040 mAh con carga rápida de 15 watts.
A tableta conta cun solvente sistema de fiestras múltiples para favorecer a realización de varias tarefas á vez, e tamén incorpora unha cámara traseira de 8 Mpíxeles e unha cámara frontal de 5 Mpíxeles, de xeito que tanto serve para a gravación de vídeo como para a realización de videoconferencias.
A Galaxy Tab A8 ten só 6,9 milímetros de grosor e 508 gramos de peso e ofrecerase tanto en modelos con Wi-Fi 5 como con conectividade móbil LTE, e previsiblemente terá un prezo bastante contido, que se atendemos ao modelo anterior, podería partir dos 229 euros.

PUBLICIDADE