Samsung presenta a súa nova tableta de 8,4 polgadas

mércores, 25 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A liña de tabletas de gama media de Samsung inicia a súa renovación de 2020 estreando nos EE.UU. o Galaxy Tab A 8.4”, que por 279,99 dólares ofrece un procesador de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB, pantalla de 8,4 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, cámara traseira de 8 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, unha batería de 5.000 mAh que promete até 11 horas de uso de navegación web, Wi-Fi 5, Bluetooth 5.0, toma para auriculares, GPS e conectividade 4G, de xeito que pode converterse nun compañeiro ideal para viaxar e así poder consumir contidos en liña alí onde nos atopemos.
Inicialmente os Galaxy Tab A van enfocados a un público familiar, pero o feito de contar con conectividade 4G e outras prestacións fai que sexa un produto que poida gozar de certa aceptación no sector profesional, no que a boa conectividade é imprescindible.
En breves semanas debería chegar a España esta tableta que cun tamaño contido, unha boa autonomía e conectividade móbil pode ser unha opción ideal para profesionais e estudantes que non sempre estean nunha localización con conectividade Wi-Fi para acceder á Internet.
Cómpre advertir de que esta nova tableta carecerá de soporte para DeX, ou sexa, que os usuarios que opten por este tipo de dispositivo terán unha experiencia de uso de Android moi diferente ao que estamos afeitos con dispositivos de gama alta de Samsung (nos que DeX supón todo un valor diferencial).

O Galaxy Tab A de 8,4 polgadas permitirá consumir contidos en liña até 10 horas

PUBLICIDADE