Samsung presenta altofalantes que apostan polo deseño

martes, 30 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Non só LG está a avanzar as novidades que levará á vindeira edición do CES de Las Vegas dentro de poucos días, senón que tamén Samsung fai o propio, e hoxe dá a coñecer os seus novos altofalantes domésticos WAM7500 e WAM6500, un novo rechamante concepto que fuxe da transmisións sonora direccional e pretende encher as habitacións con son.
Os novos altofalantes fan uso da tecnoloxía propietaria Ring Radiator que permite ao son fluír nun radio de 360 graos, conseguindo un bo balance de agudos e graves, de xeito que casa un deseño rechamante cun son vibrante. Estes produtos desenvolvéronse no estudio californiano de Samsung en Valencia, fai uso de materiais premium no exterior dos altofalantes. O modelo WAM7500 é o de meirande tamaño, resultando ideal para o seu uso en combinación con cunha barra de son ou en calquera lugar do fogar, mentres que o WAM6500 integra unha batería recargable, de xeito que sería máis portátil, facéndoo máis axeitado para colocar alí onde esteamos a cada momento, para poder levar a reprodución sonora connosco.
O deseño destes altofalantes está a captar bastante atención polo feito de amosar unha evidente semellanza coa arma emprega polo protagonista dos xogos da saga Portal.

A semellanza dos novos altofalantes coa arma de Portal resulta bastante curiosa

PUBLICIDADE