Samsung presenta dous novos smartphones insignia con pantallas de 5,7 polgadas

xoves, 13 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Tras a boa recepción comercial dos últimos smartphones insignia de Samsung, a compañía surcoreana decidiu avanzar na mesma dirección, respondendo en boa medida para os tamaños de pantalla que están a facerse máis populares, e así hoxe presentaron os novos Samsung Galaxy S6 Edge+ e Galaxy Note 5, que veñen a ser unha evolución dos terminais de referencia actuais, pero apostando por pantallas de aínda maior tamaño.
Estes novos smartphones non só melloran a calidade das súas cámaras e a potencia dos seus procesadores, senón que tamén apostan por sistemas de carga sen fíos e de carga rápida, e parecen querer normalizar os 4 GB de RAM para permitir así que o usuario poida alternar numerosas aplicacións sen retardos.
O Galaxy S6 Edge+ conserva a pantalla curva do seu predecesor, pero presenta agora unha pantalla Super AMOLED Quad HD de 5,7 polgadas (o que supón un incremento considerable do seu tamaño), mentres que o Galaxy Note 5 mantería o seu tamaño de 5,7 polgadas, o que fai que ao igual que hai semellanzas entre o Galaxy S6 e o Galaxy S6 Edge, desta volta o S6 Edge+ ligaríase ao Galaxy Note 5 (de xeito que diferenciaríanse no uso do S pen e na forma da súa pantalla), dando a impresión de que Samsung busca reforzar o seu catálogo cunha boa oferta de dispositivos que poidan compararse ao iPhone 6 Plus (que tendo unha pantalla e máis tamaño poden presumir dunhas dimensións inferiores).
Ambos smartphones veñen con procesadores Exynos 7420 de 64 bits con tecnoloxía de 14 nm, 64 bits e 8 núcleos, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno, cámaras de 16 e 5 Mpíxeles, LTE categoría 9, batería de 3.000 mAh (con carga rápida e sen fíos), NFC, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2 e Android 5.1. Chegarán ao mercado este mesmo mes con carcasas branco perla, negro zafiro, platino ouro e titanio prata.

Vídeo de presentación do Samsung Galaxy S6 Edge+

Vídeo de presentación do Samsung Galaxy Note 5

A diferenza de tamaño do Galaxy S6 Edge e o S6 Edge+ é significativa

Os novos smartphones de Samsung integran carga sen fíos

PUBLICIDADE